981 88 13 33

Regina Muñiz, entre metáforas e solpores na Terra do Xallas

Regina Muñiz é unha poeta que bebe nas raíces da terra.Nunca mellor dito. Que recolle esa esencia que está espallada polos campos de Bazar ou Montouto e a converte en poesía.“Mil bicos que non che dei” é polo momento o seu único libro, pero prepara outro volume que agardamos que proximamente saia á luz.

“Eu pasaba moito tempo coas vacas e gustábame cantar e como non sabía moitas cancións pois inventábaas” confesa Regina cando se lle pregunta pola orixe da súa paixón poética.”Cando me casei fun para Bazar e as monxas foron as primeiras que viron o meu traballo e animáronme a seguir escribindo”. Outra mostra da pegada inmensa que o grupo de relixiosas de Bazar deixaron na Terra do Xallas.

Despois viñeron colaboracións na revista escolar do Pepe de Xan Baña de Traba(Castriz), recitais, e fai dous anos o seu primeiro libro.”Aparte da familia claro, foi o máis bonito que fixen na miña vida”. Suspira Muñiz ao lembrar a multitudinaria presentación de Santa Comba.“Emocióname moito saber que os meus veciños me leron ou que os nenos se acheguen a miña poesía”.Ademais de escritora tamén é unha lectora voraz. Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Maria Mariño ou Rafael Alberti:”Gústame toda a poesía”.

“Os versos que mellor me saen veñen sós” asegura.Segue escribindo. Non ten presa pero percíbese que nun horizonte non moi lonxano haberá un segundo libro de versos da poeta do Xallas.“Teño moito escrito e aínda que o fondo é o mesmo, vou evolucionando” sentenza.

A súa contorna é esa fonte de inspiración. Nas paisaxes, nos ríos e nos montes da comarca, nos contos dos maiores encontra a inspiración, pero tamén recoñece ser unha namorada do mar. Entre os campos de millo, os herbais acariciados polo suave orballo,  ou as flores, está a poesía de Regina, que na medida do posible renuncia do ordenador e escribe “con bolígrafo e libreta”. Valora as novas tecnoloxías pero lamenta que as novas xeracións non teñan un maior contacto coa natureza:”Os rapaces estanse perdendo todo un mundo”.

Regina Muñiz Gerpe representa o orgullo de vivir no rural, de construír cantos pegados á terra, de e erguer una bandeira de metáforas e solpores na bisbarra do Xallas.

Fonte: Adiante Galicia

Formulario de acceso